 |
|
|
 |
Alonso, Fran (enviar correo)
Fran Alonso (Vigo, 1963), ademais de atender a súa obra de ficción, non abandonou nunca o labor como xornalista, que comezou no Diario 16 de Galicia. Colaborador de diversos medios de comunicación, durante varios anos escribiu nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia e posteriormente no suplemento Luces de El País. Desde 2001 colabora cunha columna de opinión no semanario A Nosa Terra. En 2003 creou o blog Cabrafanada (www.franalonso.eu), un dos pioneiros en lingua galega. Como xornalista, abordou o conflito saharauí en Territorio ocupado (Xerais 1998), Premio Losada Diéguez. Tamén abordou a biografía en A vida secreta de María Mariño (Xerais 2007), Folerpas de Novoneyra (Xerais 2010) e «A voz que vén da seitura», incluído no libro-disco con DVD da Señora Carmen A flor dos meus anos (PAI Música, 2007). O seu libro Males de cabeza (Xerais, 2001) foi editado por Vieiros en formato dixital e acceso libre un mes antes da súa saída en papel. O seu poemario Balada solitaria, realizado conxuntamente co fotógrafo Renato Roque, publicouse exclusivamente en Portugal (Edicões Eterogémeas, 2004) e traduciuse ao catalán. É autor de dezaoito libros, algúns traducidos a varias linguas, entre os que destacan Cemiterio de elefantes (Xerais 1994), O brillo dos elefantes (Xerais 1999), Cartas de amor (Xerais 2006), Subversións (Xerais 2001), Cidades (Xerais 1997). Na actualidade traballa en Edicións Xerais de Galicia e é vicepresidente da Asociación Galega de Editores.
|
| |
|
|
|