 |
|
|
 |
Méndez Ferrín, X. L.. (enviar correo)
X. L. Méndez Ferrín, nacido en ourense en 1938, é a figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, catedrático de Literatura e director da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. É membro da Real Academia Galega e columnista semanal do xornal Faro de Vigo. Obtivo os Premios “Celanova Casa dos Poetas” (1985), Premio Trasalba (2001), Premio Irmandade do Libro ao Autor do Ano 2004 e Premio Nacional de Literatura (2008). En 1999 foi candidatado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega ao Premio Nobel de Literatura.
A súa obra narrativa iniciouse hai cincuenta anos con Percival e outras historias (1958), libro de contos, ao que logo seguiron O crepúsculo e as formigas (1961), contos; Arrabaldo do norte (1964), novela; Retorno a Tagen Ata (1971), noveleleta; Elipsis e outras sombras (1974), contos; Antón e os inocentes (1976), novela; Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982), contos; Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007, Premio da Crítica Galicia), novela; Arraianos (1991, Premio da Crítica Galicia, Premio da Crítica Española e Premio Losada Diéguez), contos; e No ventre do silencio (1999, Premio Eixo Atlántico, Premio da Crítica Española), novela.
A súa produción poética está composta por títulos como Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972), asinada co heterónimo de Heriberto Bens;
Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977, Premio da Crítica); Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992); Estirpe (1994, Premio Losada Diéguez); O outro (2002); Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). Parte dos seus contos están reunidos no volume Contos (1990), preparado por Sonsoles López. Publicou, tamén, a novela para público xuvenil Arnoia. Arnoia (1986), que foi incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988.
É autor, ademais, do Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos (2007) e dos ensaios Cancioneiro de pero Meogo (1966) e De Pondal a Novoneyra (1984).
|
| |
|
|
|