Nesta ocasión, Flanagan terá que investigar a desaparición dunha compañeira de clase, Nieves Mercadal, que se fugou de casa sen motivo aparente.
Coa axuda dunhas amigas, Blanca e Vanessa, e a peculiar colaboración de Charche e dun grupo de rapaciños, Flanagan consegue que sexa detido o señor Lage, xefe do pai de Nieves e presunto violador da rapaza.
A actitude do pai de Nieves e a sentencia do xuízo provocan no xove lector unha repulsa á inxustiza e a proclamación do dereito ó traballo e á liberdade.
Eu tampouco me chamo Flanagan é a nova entrega da serie protagonizada por Flanagan, o detective adolescente creado en 1989 por Andreu Martín e Jaume Ribera, e publicada en galego por Xerais dentro da súa colección Fóra de Xogo. Como nas entregas anteriores, o intelixente detective aceptará unha investigación para facer fronte aos seus caprichos, o que o levará a meterse, como adoita e sen el pretendelo, en todo tipo de líos, dende os amorosos, a outros bastante máis perigosos e comprometidos.
Desta volta, a trama iníciase cando Oriol Lahoz, detective profesional, pide axuda a Flanagan para atopar a Alí Hiyyara, un magrebí de doce anos desaparecido. Por suposto, as cousas non son como parecen. Seguindo a pista do rapaz, Flanagan abráiase e indígnase diante da terrible situación dos emigrantes de orixe magrebí que viven no seu barrio, e descubre que Omar, o pai do neno, tamén desaparecido, está involucrado no roubo dunhas valiosísimas xoias Almirall. Namentres, debe axudar ao seu amigo Charcheneguer, que se ve implicado no roubo dunha xoiaría e logo é secuestrado por un suposto amigo que pretende quitarlle o anel de brillantes que lle mercou a súa moza.
En Flanagan Blues Band o xa famoso detective Flanagan, alcume do quinceaneiro Juan Anguera, presenciará un asasinato no seu propio barrio. Terá que intentar demostrar a inocencia do detective Oriol Lahoz como asasino do párroco do barrio, Mosén Roberto. As xoias da familia Garreta serán o móbil do asasinato e o motivo de que o noso detective se meta en leas coa policía, coa neta dos Garreta, co anticuario MartínGala e, noutra historia paralela, co Pingüín Fedorento.
Como xa é habitual na serie Flanagan, nesta nova entrega non faltan ingredientes literarios como o sentido do humor que impregna toda a narración, a alternancia de situacións serias e cómicas (combinando maxistralmente varias tramas paralelas), a abundancia de elementos anticipadores da trama e a utilización dunha linguaxe coloquial actual e vencellada ó mundo dos mozos e mozas de hoxe mesmo.
Juan Anguera Flanagan é un adolescente afeccionado á investigación privada, con moita sona entre os seus colegas do instituto. Nesta ocasión, Nines, unha rapaza guapa e rica, telefona a Flanagan pedíndolle axuda para o seu amigo Ricardoalfonso. Segundo este, uns camelos perségueno para matalo, porque o acusan da desaparición dunha bolsa de droga. Flanagan decide agachar ó perseguido na casa da súa amiga, María Gual. A aparición do coche dos traficantes fainos fuxir a unha casa que os pais de Ricardoalfonso teñen na praia. Alí, Flanagan é obxecto dunha terrible broma, pero decatarase disto despois de ter sufrido unha angustiosa peripecia.
Flanagan atrapado nesta perigosa aventura –onde non faltan as chantaxes, as persecucións e os secuestros– demostrará ser quen de emular ós mellores detectives profesionais. O humor e a intriga percorren as páxinas desta novela do xénero policial, sen deixar de proporcionar unha visión crítica sobre a mocidade actual.
Xusto a primeiros de setembro, coincidindo co cumio de Xefes de Estado que se celebra en Barcelona, uns días antes de que Nines lle prepare a festa do seu dezaoito aniversario, Flanagan sabe polo seu amigo Charche que a policía detivo a Clara Longo, a que fora a súa primeira moza, unha heavi lindísima da que nada sabía dende facía catro anos. A pesar de que os rillotes do Komando Destrutor lle pediran que seguise á profesora Xema Obiols, unha oportunidade estupenda para estrear a súa moto nova de segunda man, Flanagan non poderá evitar buscar o rastro de Clara, que recoñece coma unha das mozas máis importantes da súa biografía sentimental. Movido por estas saudades inexplicables, Flanagan atopará esa pista na tenda de Todo a Un Euro, propiedade de Simón Bericart e Margot Longo, unha tapadeira para vender xoias roubadas. Mais a súa perplexidade aumentará cando coñece que a tía de Clara é asasinada. Flanagan, entón, deberá enfrontarse a resolver un dos seus casos máis complexos e perigosos.
Flanagan pensa que se converteu nun fuxitivo desque rompeu con Branca. Aparentemente, despois dun ano saíndo xuntos, aquela ruptura fora suave, civilizada, incolora, inodora e insípida. Flanagan pensa que un detective coma Deus manda non ten porque ter parella. Un detective de verdade ten que namorarse volcanicamente dalgunha moza, e mellor se ó final resulta que é a culpable do caso que está investigando. Iso si que dá pé a despedidas interesantes.
A irmán de Flanagan e o seu mozo desapareceron. Parece que ámbolos dous traizoaron a unha ong, roubando unha enorme cantidade de cartos destinada a un país do Terceiro Mundo. Flanagan non pode crer esta versión dos feitos, pero é evidente que dentro da ong hai unha «toupa» e que alguén ten interese en que estes cartos non cheguen a ese país. De Barcelona a Madrid, axudado e aparvado ao mesmo tempo por Bruna, unha rapaza que escapou da casa, Flanagan emprenderá a súa carreira contra reloxo na procura da súa irmán e da posibilidade de recuperar os cartos para os seus destinatarios.