Dous elementos gráficos cruzados conforman o X, un grafema que representa a singularidade da nosa lingua. Arredor deste concepto, o calígrafo e artista Lázaro Enríquez creou este libro co que Xerais quixo celebrar os primeiros vinte e cinco anos do seu traballo. Un ideal editorial convertiu a letra X nun xogo para unha ducia de poetas co reto de elaborar un poema onde o X fose protagonista e o contido xogara, bailara e ata rira da proposta realizada. Un libro, pois, que establece un diálogo entre as variacións gráficas e pictóricas do grafema, creadas polo artista, e os textos escritos expresamente para a obra por doce das e dos nosos poetas (Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Xela Arias, María do Cebreiro, Ramiro Fonte, Antonio García Teijeiro, Xosé Miranda, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane). Un libro absolutamente singular, onde o X convértese no único protagonista visual, diversificándose na interpretación textual dos poetas como espazo para un signo: musa matemática da incógnita e da unión, enerxía que xermola, xorne de nós e seixo orixinal, xen oculto, xoia da amizade, símbolo da xustiza, metáfora do traballo poético, lingua atravesada…
Con As pontes no ceo péchase a monumental triloxía «Vidas de infancia» que Ramiro Fonte decidiu emprender para reconstruír os ecos dunha vila galega, o Pontedeume da súa infancia, contrastándoos co rumor dun tempo histórico. Se nos dous primeiros volumes o relato primaba a vida familiar e o ámbito da escola, nesta terceira entrega o foco argumental alumea as voces da colectividade. Velaí o límpido engado desta serie: un espazo local sen lindeiros, un tempo gris e un cento de figuras inesquecibles, merecedoras de pasar á historia literaria e asumir a representatividade da raza humana. Coma un retratista desas cousas coas que se asaña o esquecemento, o autor arma, cunha prosa garrida, xenerosa en formas e susceptible de perdurar, unha novela de vivos mortos e de mortos vivos. Unha obra que mestura lirismo, oralidade, técnica teatral, erudición e filosofías de rueiro e que, baixo os presupostos da narrativa clásica, tamén indaga nas raíces da vocación literaria.
Coa intención de recuperar o tempo e lugar da súa infancia, a vila mariñá de Pontedeume, Ramiro Fonte converte as páxinas destas memorias primeiras nun relato emocionante no que recrea ó detalle, cunha prosa esencial, cristalina e precisa, dotada dunha conmovedora ollada poética, a vida dunha vila galega nos anos sesenta. Ademais dun exercicio de recuperación vivificadora da memoria individual e colectiva, “Os meus ollos (Vidas de infancia)” é, tamén, un ensaio sobre a vivencia da perdurabilidade do tempo e dos espacios humildes que nos son queridos. Un relato engaiolante no que o autor emprega a emoción, a piedade e certa ironía para recuperar espacios derruídos polo tempo e devolverlle a vida a ducias de personaxes reais, populares, tratados co mesmo rango cós protagonistas históricos. Historias particulares que demostran que o local é o universal. Un libro de historia cotiá que se le coa mesma paixón que nos proporcionan as novelas exemplares. Unha obra que demostra a vixencia da frase de Baudelaire, “O xenio non é máis que a infancia netamente formulada”; e proba que a infancia non representa o camiño, senón todo o camiño. “Os meus ollos”, primeira entrega dunha obra máis ampla na que Fonte está a traballar, abre unhas perspectivas inéditas na narrativa contemporánea. Unha grande novela para ler varias veces.
Con “Os ollos da ponte”, segunda entrega da futura triloxía “Vidas de infancia”, Ramiro Fonte volve reconstruír meticulosamente un espazo físico e moral, a vila de Pontedeume nos últimos sesenta, desenvolvendo cumpridos panoramas sociais, ao estilo das novelas do XIX. A diferenza do primeiro volume, “Os meus ollos” (Xerais 2003), nesta reflexión sobre a recuperación da infancia, a vida familiar cede o protagonismo ao ámbito da escola pública, que vincula todos os episodios da existencia do rapaz. Escrita con elegancia a pesar do sensible da materia, na que están implicadas as vidas de persoas reais, a novela é un modelo de exactas e virtuosas descricións, formuladas por medio dun humorismo benévolo e unha emoción serena. Así mesmo, “Os ollos da ponte” constitúe un ensaio sobre a temporalidade dos seres e da novela como arte temporal, na que as diversas técnicas narrativas se poñen ao servizo dunha obra que constantemente vai creando a súa propia arquitectura e reinventándose a si mesma. Un relato no que Ramiro Fonte explora os límites entre a ficción e a verdade da escritura literaria mediante a descrición dunha estensa galería de tipos humanos, proxectando un século enteiro de vida dun prototipo de vila galega. Pola súa riqueza en nostalxias que a todos nos vinculan e polo seu alto ton narrativo, que afouta as nosas capacidades sensoriais, aparenta un confeite mesmo nas mans do lector desavezado e confirma a busca por parte do autor dun gran estilo para a prosa galega baseado na humildade, na sinxeleza e no diáfano.
Con esta edición de “A rocha dos proscritos (Poemas complementarios, 1994-2004)” que inclúe o libro inédito “O pasaxeiro inmóbil”, Ramiro Fonte ponlle ramo a unha década consagrada a un estilo de escritura poética que pretende demostrar as simetrías entre clasicismo e modernidade. Un libro con vocación de provocar un debate estético, como demostra a prolífica secuencia de formas, nas que se emparella o culto e o popular. Un libro con vontade de reflectir épocas e ambientes: arquetipos e personaxes reais, e escenarios urbanos de aquén e alén abordados cun ton entre sentimental e paródico no que ondean referentes clásicos, de Baudelaire a pessoa, de Ribaud a Cesário verde ou de Rosalía a Rubén Darío.
Capitán Inverno está organizado en seis grandes apartados: I. “Mínima Moralidade” (onde amplía o poemario do mesmo título gañador do Premio González Garcés), II. “Litoral Urbano”, III. “Eternidades”, IV. “Salas de Cine” (unha homenaxe as salas de cine que marcaron a vida do poeta), V. “In-fernos Piadosos”, rematando cun longo e importantísimo poema narrativo de 212 versos que o poeta titula “Unha lenda”.
Capitán Inverno é un libro de libros, coa vocación dunha obra total, densa e transparente. Poesía esencial, liberada de ruído, onde a dicción sinxela, por veces conversacional, oculta a complexidade da composición.
Reversos. Días adiados constitúe o derradeiro poemario do poeta Ramiro Fonte, falecido o pasado 11 de outubro. Continuando co ciclo de poemas complementarios de formas clásicas, recompilado en A rocha dos poscritos (Xerais 2005), Fonte ofrece un libro memorable escrito, na súa grande parte durante a súa estancia en Cataluña, durante a primavera pasada cando se reconstruía corporal e espiritualmente. Cento quince poemas, onde o autor xogando cunha prolífica secuencia de formas, nas que se emparella o culto e o popular, volve a demostrar as simetrías entre o clasicismo e a modernidade que caracterizou a toda a súa obra.