Antón, Dosinda, e Luís, os Quintelo, tres velliños gallegos, que foran propietarios da panadaría A Primavera, aparecen asasinados na súa casa de Primeira Xunta 780, no barrio bonaerense Belgrano. O xove funcionario e escritor Andrés Leiro amiga con Manuel Eiras, un seu veciño xubilado que vive aparentemente só en Madrid dende hai varias décadas. A lúa escintilaba por riba dos Everglades, cando Aurora, que regresaba encabuxada e medosa de limpar unhas oficinas, é atacada na Down Town de Miami …
A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos é unha novela de intriga na que amodiño van converxendo, baixo a banda sonora dos temas dos Tamara, tres historias moi emocionantes de amores e rancores, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha familia de emigrantes galegos espallada polo mundo. Tres historias de saudades, tres relatos de exilios sentimentais escritos cunha prosa punxente e inusualmente fermosa. Unha emocionantísima novela sobre a emigración galega, gañadora do Premio Terra de Melide 2007.
Esperante, trasunto mítico dun mundo rural en inevitable decadencia, é o espazo ficcional onde Xesús Manuel Marcos desenvolve os nove relatos que compoñen este libro. Esperante é unha derradeira boquexada da soidade: Esperante de aliados solitarios dando o derradeiro adeus a unha muller fermosa que deixaba ao seu pasos recendos que todos desexaban posuír; Esperante de emigrantes consumidos polos ciúmes provocando a febre de mulleres novas, prematuramente abandonadas; Esperante de fuxidos, heroes condenados a desaparecer, esmorecendo nunha insoportable escuridade; Esperante de homes e mulleres que fican orfos de esperanza ningunha sufrindo a fractura do monótono devalar da súa cotidianidade aldeana perante un mundo novo que saben emerxe nalgures.
Selmo, o fillo do gardián da tribo dos arxinas, coñece a desfeita de Cido, a súa aldea, que foi incendidada polos seus inimigos, os valecos da tribo dos broncedos. Na súa fuxida, Selmo, acompañado de Lombán, o seu lobo albino, atopará a dous heroes, Toimil e Oulego, que o axudarán, xunto coa Valiña da Osa, unha xida, meiga protectora da aldea, a desvelar o misterio do Brindo de ouro, ese corno máxico que os protexe, porque lles proporciona a valentía que os fará invulnerables.
“O Brindo de Ouro. I. A Chamada do Brindo” de Xesús Manuel Marcos, premio Merlín de literatura infantil e xuvenil 2004, é unha novela de aventuras, épica e fantástica, que remite a un pasado mítico, onde o heroísmo e a maxia ocupan un lugar sobranceiro.Un texto que crea un mundo autónomo, ao xeito de Tolkien, e conforma unha novela escrita coas pautas das obras de espada e bruxería sobre o trasfondo da paisaxe e da toponimia das terras do Caurel.
Selmo, o Gardián do Brindo de Ouro, protexe ao seu pobo arxina no Pico de Brío, até que unha noite chega un guerreiro con novas que trocarán a paz das aldeas e porán ao Gardián nunha encrucillada onde nada é o que parece. Alguén quere acabar para sempre cos arxinas, e pode que o inimigo estea ao seu carón. O que lle vai ser revelado a Selmo significará o comezo dunha apaixoante novela de acción, misterio e aventuras, na que, arredor do terrible segredo dunha máxica táboa de arxila, o amor e a traizón, a fidelidade e a cobiza enfrontaranse no marco das antigas fragas e devesas das Terras Outas dos arxinas.
A Táboa da Hospitalidade é a segunda entrega da serie O Brindo de Ouro, iniciada con A chamada do Brindo, novela pola que Xesús Manuel Marcos obtivo o Premio Merlín 2004.