O detective Horacio Dopico, que esperta pola mañá co recordo da súa ex-muller, recibe o encargo de investigar o asasinato do avogado Adrián Seivane. Aparentemente é un caso resolto, xa que policía detén a varios activistas do GIA (Grupo Independentista Armado) e case ninguén dubida da versión que ofrece a Consellería de Interior, que apunta ás hostilidades militares da banda. Sen embargo, na corrupta cúpula da Consellería non confían nas súas propias mentiras e queren saber algo máis sen que interveñan as forzas de seguridade. Esa é a razón pola que, para solucionar o asunto, acuden a Horacio Dopico, que acepta o traballo porque desde que está divorciado cultiva a conciencia todos os vicios que se lle poñen diante do nariz. “Baixo Mínimos” é unha magnífica novela do xénero negro que abre a porta pola que entra na literatura galega o detective privado Horacio Dopico.
A policía de Oregón atopa unha parella de cadáveres no interior dunha nave industrial abandonada. O home negro está axeonllado no chan colocando as últimas novidades en primeira liña da manta. Nelson, o grafiteiro, preparou nun muro da marxe esquerda do río unha versión manga do retrato de Laura, a moza que practica tres horas semanais de kung-fu. Ánxela confésalle a Marga que non quere nada que lle recorde a Xaime, desexa que desapareza da súa cabeza, matar os seus recordos. O taxista sorpréndese cando le o texto que os dous homes sen teito escribiron no seu cartón: «o rumor da melancolía é o son dunha orquestra ao lonxe.»
Dime algo sucio de Diego Ameixeiras é unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas da cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.
O punto de partida d’ O cidadán do mes é o electrizante encontro entre o detective Horacio Dopico e Sonia Bouzas, unha escultural e voluptuosa muller que busca o seu marido, un vixilante nocturno desaparecido misteriosamente. O caso non ofrece demasiadas complicacións e o detective acepta o traballo, mais Dopico non sabe que deberá moverse con moita precaución nunha complexa intriga onde a dobre moral e a corrupción non son patrimonio exclusivo da clase política. O seu instinto, varios litros de whisky, unha sorna punk cultivada a conciencia nos arrabaldes de Ourense e unha Smith & Wesson, acompañarán ao detective nunha historia na que conviven sexo, violencia, drogas e rock and roll, aínda que o realmente importante é que estamos en agosto e Horacio Dopico non tolera nada ben as altas temperaturas.
Un mozo de trinta anos, parado e á espera da próxima oferta de precariedade laboral, deambula pola vida contándonos o seu día a día sen especiais proxectos de futuro e sen contas que saldar co pasado. O protagonista é unha persoa sociable e ocorrente, vítima do que el denomina o post´fracaso, unha actitude con fortes doses de cinismo ante a vida. O fío condutor de toda a narración é a interacción dese personaxe cos seus amigos e amigas sen moitos máis obxectivos visibles que o disfrute do sexo. Escrita cun estilo, fresco, directo e cargado de humor, Tres segundos de memoria, a novela de Diego Ameixeiras, gañadora do Premio Xerais 2006, fai un retrato dun sector urbano e moi damnificado da sociedade galega actual, onde a espontaneidade abrolla por enriba do politicamente correcto. Novela habitada por personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles correspondía. Unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor.