A lingua galega na cidade no século XX de Gabriel Rei-Doval, profesor de sociolingüística da Universidade de Wisconsin, ofrece unha aproximación á situación social do noso idioma no medio urbano. O libro aborda en profundidade a análise sociolingüística das cidades galegas no seu conxunto e céntrase nos principais indicadores de vitalidade do noso idioma nacional: coñecemento, lingua inicial, lingua habitual, usos na familia, usos escolares e usos laborais. Mais tamén afronta unha análise do cambio lingüístico, tanto intraxeracional como interxeracional, desde unha perspectiva novidosa. Ademais da visión do conxunto urbano, presenta unha análise comparada da situación do idioma nas sete cidades galegas. O libro achega importantes aspectos de interpretación, nomeadamente no terreo das interaccións lingüísticas familiares, sección na que se tratan non só as principais tendencias senón tamén as causas e motivacións do cambio lingüístico. Igualmente, presenta as principais liñas da evolución histórica do noso idioma ao longo do século XX, constituíndo así unha ferramenta moi útil para entender a historia social do galego no trascendetal medio urbano.
Este Manual de Ciencias da Linguaxe é o resultado dun proxecto entusiasta: publicar en galego un texto comprehensivo sobre a linguaxe. A diversidade temática tratada polos respectivos especialistas ó longo de quince capítulos (desde a orixe da linguaxe na especie humana ou a zoosemiótica ata a fonética e fonoloxía, pasando pola psicolingüística ou a antropoloxía lingüística) favorece unha visión plural dos fenómenos lingüísticos, de tal xeito que este libro pode ser do interese do conxunto de profesionais da linguaxe, sexa cal sexa o seu labor concreto, pero constitúese, sobre todo, como un excelente material de traballo para alumnos e profesores das universidades galegas.
Manual de Ciencias da Linguaxe inclúe unha serie complexa de materiais, con vistas a facilitar a súa explotación didáctica: cada un dos quince capítulos posúe unha batería de exercicios prácticos, un listado de lecturas comentadas e mais unha bibliografía introductoria nas páxinas iniciais: manuais de lingüística xeral, diccionarios, enciclopedias, selección de revistas, etc. Na parte final do libro, o lector atopará un extenso glosario, índices analíticos, de autores e de linguas.
Os autores pretenden que este volume estimule a reflexión e o debate entre tódolos estudiosos da lingua e a lingüística galegas e contribúa a un aínda maior desenvolvemento dunha disciplina que asiste a unha particular expansión nos últimos tempos. Porque o seu enriquecimento e a ampliación das súas miras han redundar tamén na expansión e dinamización da propia lingua galega.