Daniel Rodríguez Patapao, cacique de Negueira de Rodríguez e propietario de Casa Ataúlfo, enfróntase a unha grupo de hippies que se instalan unha comuna exenta de colorantes e conservantes e comparten espacio vital con Antón Duracel, un babiolo que atopa o sentido da súa existencia cando se viste de coello para anunciar unha marca de pilas. Sobre todos eles sobrevoa o Skylab, unha estación espacial norteamericana que quizais estea buscando as gafas de Castelao, os xamóns que multiplicou Ramón Otero Pedrayo ou o sombreiro que vestiu a cabeza de Beiras custodiados no pub “Sempre en Galiza”, unha especie de parque temático do nacionalismo que rexentan dous siameses que soñan con iniciar a loita de liberación nacional. Por alí pasa, tamén, o carteiro Pablo Neruda a contar o seu conto e chegan visitantes non desexados como o subcomisario Alberte Sanxil. “Casa Skylab”, a obra gañadora do Premio Xerais 2003, é a terceira novela de Jaureguizar na que intervén este curioso investigador que nada investiga, despois das súas aparicións anteriores en “Comendo espaguetis diante da televisión” e “As horas sucias”.
“Casa Skylab” de Jaureguizar é unha intensa novela, enchida de humor corrosivo, atravesada por unha trama criminal adobiada de mortes que aparecen e desaparecen ante o lector, como se a realidade fose un xogo de aparencias. Unha novela escrita dende unha visión irónica e sarcástica da realidade galega, presidida por un espírito iconoclasta, que o xurado de lectores do Premio Xerais 2003 definiu como “unha interpretación mordaz e paródica do galeguismo”.
O xurado que lle outorgou o Xerais 2003, tamén, sinalou da obra que “partindo da súa modernidade conceptual, da súa estructura singular e polifónica, e do seu estilo rápido e tempo profundo, conecta con esa novelística galega que con Cunqueiro se enche de maxia e defuntos”. Unha excelente novela chamada a renovar a narrativa galega da nova década.
Un actor que soña con Shakespeare, un escritor que soña con limóns, unha muller que soña con ser correspondida polo seu home, unha vella que ficou soñando co noivo da mocidade, unha prostituta que soña con non sentirse soa e un vello que nada soña e que goza controlando os soños alleos son os personaxes d’ O Globo de Shakespeare. O achado do primeiro Hamlet, a obra do soño e a morte, no pazo de Ribadeo onde se relacionan, asulagará os seus soños e as súas vidas. O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, o escape das vidas, a soidade e unha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifateiro Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cuna apoteósico final tráxico.
“Fridom Spik” é un libro que soa como a guitarra de Kurt Cobain nun concerto de Pavarottis afónicos. Imprescindible para manter unha confianza razoable na sobrevivencia intelixente do ser galaico-humano. Necesario para os que tiñamos xa unha certa sospeita de que Jimmy Hendrix tamén comía cachelos (Antón Reixa, “La Voz de Galicia”). As peciñas que nos ofrece Jaureguizar poden poñerse á par da mellor tradición de narrativa curta. (Anxo Tarrío, “O Corrreo Galego”). Tralla brava, auténtica arroutada, lume que queima o peito, iso son os relatos breves que poboan “Fridom Speak”. Jaureguizar contra o mundo e a repugnancia. O que se vén chamando literatura bravú. (...) Hai unha fácil e obvia liña que une as “Cousas” de Castelao cos relatos de “Fridom Spik”. O lirismo que tinxe a escrita de Castelao vese aquí desprazado por unha feroz e expeditiva exposición (Xosé M. Eiré, “A Nosa Terra”). Nesta terra de ninguén os mozos ven a vaca pacer mentres falan por teléfono dixital GSM e o tractor agarda no patio co motor encendido. Temos a impresión de que os personaxes de Jaureguizar están atrapados nun buraco negro (Xosé Cid Cabido).
Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. Esta segunda entrega está ubicada na Coruña, cidade que asiste horrorizada a un incidente de consecuencias internacionais: desapareceu unha coroa de Napoleón que o goberno francés lle emprestara á cidade para conmemorar o bicentenario da Batalla de Elviña. A xoia debe aparecer inmediatamente e de xeito discreto para evitar un conflito diplomático. Soamente un reporteiro coa coraxe de Tintimán, axudado por Señor Grozni, o seu gato torto, e por Mónica, unha compañeira de clase que asegura ser a súa moza, poderá descubrir o acontecido.
Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. En Corazón de chocolate, a cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir. O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.
Xoel é un mozo de Negueira de Muñiz que vive coa súa nai, de orixe alemá, nunha comuna na aldea de Foxo, preto do encoro de Salime. Farto da vida que leva soña con poder marchar de alí e embarcar nun petroleiro. A vida de Xoel muda o día en que o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer, chega dende Berlín para reatoparse coa filla. Entre a equipaxe, trae unha maleta chea de fitas de cine e mais unha cámara super 8. O vello cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi. Neses días Xoel coñece tamén a Iria, filla dun dos antigos propietarios das casas de Foxo, os cales comezaron a reclamar as súas vivendas ocupadas cando se construíu unha pista que fixo accesible o lugar. Entre eles nacerá unha historia de amor enfrontado. Iria, defende o dereito dos antigos propietarios de Foxo a recuperaren as súas propiedades e ademais representa a crítica ao nazismo e a calquera tipo de colaboración con ese réxime, mesmo a que mantiña o avó de Xoel ao axudar na filmación de escenas nazis.
Expósito Vindeira leva quince anos de fareiro na illa Pancha, na bocana da ría de Ribadeo. Un día decide mudar a súa vida, porque está canso de subir e baixar por unha torreta e facer os mesmos cambios de sinais. Nace así o Capitán Thunderskin. A nova vida que pretende levar requirirá dunha vestimenta axeitada, dunha arracada na orella dereita, dun barco veleiro de iroso navegar, O Repoludo, e unha tripulación de corsarios, con quen viaxar ata atopar o seu soño: coñecer o máis importante e temido pirata de tódolos tempos: Sir Francis Drake. A rutina corsaria é unha emocionante novela de piratas, enchida de toda a fantasía e sabedoría dos mellores relatos do xénero, nela hai anacronismos deliberados, pois conviven nesta odisea sereas, dragóns e criaturas fantásticas con teléfonos móbiles, supermercados e parques temáticos.
Exposito Vindeira, o capitán Thunderskin, o fareiro ribadense protagonista de A rutina corsaria, a exitosa novela de piratas que Jaureguizar publicou dentro de “Xerais Fóra de Xogo”, viaxa, acompañado pola súa tripulación, ata a illa de Nantucket nos Estados Unidos co obxectivo de visitar o Pequod, o barco co que Ahab dera caza á Moby Dick nos mares do Sur, que viña de ser rehabilitado. Alí Thunderskin, o bravo pirata alcumado Pel de Trono, e os seus dous amigos corsarios, o mestre Henrique Ferreiro e Joao, o mariñeiro portugués, tomarán por asalto aquel casco envellecido por milleiros de singraduras para, seguindo as grandes vetas oceánicas, procurar a nova grande balea branca, a arrepiante Dolly Dick.
Jaureguizar ofrécenos en ¡Balea morta ou lancha a pique!, a segunda entrega de “As aventuras do capitán Thunderskin”, a primeira serie de novelas de piratas da literatura galega. Aventuras trepidantes, fantasía desbordada, humor a mans cheas, xogo con anacronismos deliberados (videoxogos, baleas clónicas…) e o teón de fondo constante da xenial Moby Dick de H. Melville constitúen algúns dos ingredientes cos que está construída esta novela fascinante.
Eduardo, antes de ir ó chiringuito que atendía o seu pai, gustaba percorrer na súa Rieju o quilómetro de area da praia de Llas. Asumira a obriga de botarlle unha man cando enviuvara hai seis anos. Os clientes da baiuca están preocupados pola aparición tódalas noites dos golfiños, que veñen atraídos por un surfista descoñecido. Mentres os rapaces se divirten, a indignación dos pescadores vai en aumento e chega ó extremo da violencia.