O sexo, a dúbida, o noxo, morte... son algúns dos eixos que centran este conxunto de relatos breves de Medos Romero, que se estrea no campo da narrativa cun libro descarnado e rotundo. Dubido se matei a Lena revélanos con nudez e grande intensidade, vivencias duras escritas desde a verdade, dende a realidade das mulleres, dende o seu propio cosmos, sempre difícil. Os personaxes son elas, á procura de si mesmas. MulIeres excomungadas, como a terra, como a lúa, como a paixón que nos ferve. Mulleres desexadas, soas, prostitutas, neuróticas... que son máis do que delas fixeron e do concepto que elas poidan ter sobre si mesmas.
Narradoras reúne relatos inéditos de 25 escritoras galegas e quere ser o espello dun momento no que a poesía e a narrativa escritas por mulleres están a revelarse como unha aportación imprescindible na creación.
O libro recolle, por primeira vez en Galicia, nunha antoloxía, o estado da narrativa galega escrita por mulleres. Trátase, esencialmente, de narradoras novas, que, xunto con algunhas de recoñecida traxectoria, están a formar un corpus literario que, sen dúbida, marcará o futuro da literatura galega.